domingo, 14 de mayo de 2017

Composición Guerra Civil

O 18 de xullo de 1936 un grupo de xenerais rebeláronse contra a república. Esperaban un rápido triunfo do levantamento militar, pero a resistencia das forzas de seguridade legais e a dos milicianos das organizacións sindicais e políticas fixo fracasar a sublevación en boa parte do país. O resultado foi unha guerra civil que durou case tres anos.
As causas máis profundas desta guerra foron os problemas e conflitos políticos que se produciron na etapa republicana e a radicalización política. Outras orixes inmediatas foron o desenvolvemento dunha trama golpista por parte do sector antirrepublicano tras a vitoria da Fronte Popular e a incapacidade dos gobernos desta para frear a violencia. Finalmente a guerra civil comeza o 17 de xullo en Melilla e do 18 ao 20 expándese polo resto de España. Queda así España dividida en dúas zonas, as grandes cidades e zonas industriais quedan en poder do goberno republicano, mentres que as zonas agrarias quedan en mans dos nacionais, é dicir dos militares sublevados. Polo tanto España queda dividida en dous bandos. Por un lado están os sublevados, denominados nacionais, que xustificaron a súa acción como o único medio para acabar coa anarquía, restablecer a orde e exterminar os “inimigos da patria”, e por outro lado están os republicanos, os cales, como amosa o Doc.1, defendían a República, o sistema legal e a democracia fronte ao fascismo.
Esta guerra prodúcese ás portas dunha nova guerra mundial. Para a dereita, é a loita da sociedade occidental contra o comunismo, e para a esquerda é a loita pola liberdade e contra o fascismo. Neste contexto internacional, vinte sete países firman o Acordo de Non Intervención, polo cal estes teñen prohibido realizar exportacións a España de armas, munición e material bélico, e o Comité de Non Intervención encargase de de vixiar o embargo das armas. A pesar deste acordo, ambos bandos van a recibir axuda doutros países. Como nos indica o Doc.2, os militares sublevados recibían axuda da Alemaña de Hitler e da Italia de Mussolini, mentres que a república recibiu axuda de Francia, da URSS, de México e dos belgas. A axuda que recibiu a república foi de de material bélico, pilotos, técnicos e conselleiros políticos, tamén cabe destacar a axuda por parte das Brigadas Internacionais, formadas por grupos de voluntarios movidos por un sentimento de solidariedade en defensa da causa republicana contra a ameaza internacional fascista. Os nacionais recibiron carros de combate, forzas de defensa aérea e aviación organizadas na chamada Lexión Cóndor, por parte de Alemaña, e por parte de Italia recibiu axuda constituída polo Corpo di Truppe,e a Aviazione Legionaria.
En canto aos dous bandos a súa evolución foi moi distinta. Por un lado temos a España republicana, a cal estaba dividida. Nun lado estaban os partidarios de reconstituír o estado para gañar a guerra, que como nos indica o Doc.5 era o que defendía  Largo Caballero, e o PCE (Doc.4), e por outro, como nos amosa o Doc.3,  estaban os partidarios dunha revolución social, apoiada pola CNT-FAI e gran parte da UGT.  Para intentar conciliar todas estas correntes formase un goberno de coalición. Posteriormente Largo Caballero forma goberno, e forma un exercito regular, o Exercito Popular, e restablece a orde pública, aínda así non pode evitar enfrontamentos entre anarquista e comunistas. Comeza a haber tensións no seo do goberno de Caballero que finalmente acaba na súa caída e no novo goberno de Negrín, o cal reorganiza o exército e espera un pacto para recibir axuda internacional, pero finalmente estas esperanzas fracasan tras o pacto de Múnic, e de que Reino Unido  e Francia acaban recoñecendo a Franco.
Por outro lado temos a España nacional, que nun inicio estaba dirixida por un goberno  provisional, e posteriormente fórmase unha Xunta de defensa Nacional, a cal proclama o estado de guerra e prohibe os partidos políticos e os sindicatos entre outras cousas. Posteriormente, Franco é nomeado, como amosa o Doc.6, “Xeneralísimo dos Exércitos” e “ Xefe do Goberno do Estado” e adopta o título de “Caudillo”. Tamén como podemos ver no Doc.6, Franco realiza unha unificación política, xa que crea un réxime de partido único, de corte fascista, denominado “Falange Tradicionalista y de las JONS”. Ademais Franco concentrou todo o poder na súa persoa, e derrogou as reformas republicanas e sentou as bases do Estado nacionalsindicalista.
Finalmente, como amosa o Doc.7, a guerra finalizou coa vitoria do bando nacionalista e con Franco como Xeneralísimo. Esta guerra tivo numerosas consecuencias, tanto humanas, como foron a morte, a represión e o exilio, como económicas, xa que numerosas infraestruturas de transporte e vivendas foron destruídas, produciuse unha redución da produción agrícola e industrial e a Facenda pública quedou arruinada e ser reservas, sen esquecer que a inflación multiplicou por dez os prezos.
Comezou así unha longa posguerra e unha ditadura persoal, autoritaria e de base militar encabezada por Franco, cuxas bases ideolóxicas foron o exército, a Falange e a Igrexa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario